Tras algunos acontecimientos ocurridos la semana pasada, la Agrupación de Electores de Redondela se ha visto en la obligación de hacer público el siguiente comunicado:
O pasado 8 de outubro fomos convocados a unha xunta de voceiros no Concello, coa finalidade de tratar o tema da cementeira. AER propuxo que en vez dunha xunta de voceiros, fora unha reunión máis aberta, na que puideran participar outros membros de AER e dos outros grupos, para poder contrastar mellor os argumentos que nos podían dar dende os servizos xurídicos do Concello. Non aceptaron: primeiro atranco. Nesa xunta de voceiros informaron de varias cousas, como que andan pendentes de que se resolvan uns xuízos, recoñeceron que a posible indemnización á empresa non sería tan alta e dixeron que estaban mandando á policía para comprobar a actividade da cementeira, co fin de recompilar actas e envialas ao xulgado. Están deixando traballar á cementeira, pero ao mesmo tempo queren mandar actas policiais ao xulgado; polo tanto, están recoñecendo que a empresa está traballando a pesares de que llo prohibe unha sentencia xudicial. Tamén dixeron que ninguén quería esa cementeira alí, cousa que non demostran cos feitos. Por último, ofrecéronse a que a Agrupación de Electores de Redondela, acompañada da súa avogada, tivese unha reunión coa secretaria municipal e o avogado do Concello.
Concretamos esa reunión para este venres 18, e pensamos que a esta reunión tamén deberían asistir a familia Crespo e o seu avogado, como xente implicada de primeira man e como xeito de ter na reunión varios puntos de vista, informacións e argumentos para afrontar este problema da cementeira. Cando informamos ao Concello da nosa intención, empezaron a poñer pegas e finalmente o alcalde díxonos que non quería a todos na mesma reunión; que AER podería ir coa súa avogada a reunirse co alcalde, coa secretaria e co avogado do Concello; e por outra banda, o alcalde recibiría á familia Crespo e o seu avogado, pero só o alcalde.
Esta actitude do alcalde parécenos, en primeiro lugar, unha falta de respecto cara AER e cara a familia Crespo e o seu avogado, posto que nos toma por xente incivilizada que é incapaz de manter unha reunión respectuosa, onde pode e debe haber debate e confrontación de argumentos e opinións, pero sempre dende o decoro e con ganas de buscar solucións.
Tamén nos parece unha falta de respecto que os servizos xurídicos do Concello non reciban a uns veciños afectados polas súas decisións, e que levan sufrindo unha inxustiza durante 24 anos. Acaso teñen medo ou vergonza de manter os seus argumentos diante de quen lles gaña os xuízos ao Concello e á cementeira unha e outra vez? A familia Crespo sempre demostrou dignidade e educación, e non merecen que os traten como delincuentes dispostos a montar bronca.
A familia Crespo xa tivo varias reunións co alcalde, na tónica de sempre, palmadiñas, “é un problema herdado”, “hai que actuar con coidado”… Outra reunión igual non levaría a nada. O único procedente sería unha reunión como a que propuña AER.
Nós entendemos que o alcalde quería esta reunión para dar máis información e falar da solución que están barallando, e perdeu esta oportunidade.
Pensa o alcalde que cada lado se vai enrocar na súa posición e non se vai avanzar nos puntos de actuación en común, que é o que quere sacar destas reunións. Os únicos puntos de actuación en común pasan por un coñecemento obxectivo da situación. E se ten medo do que fagan as partes será porque non ten capacidade para moderar e non ten as ideas claras do que quere conseguir. Se o alcalde non é quen de moderar, facémolo nós.
AER quere reunións participativas e transparentes, onde se debata con todos os puntos de vista e sempre con información. Nada que ver co modelo de reunións que quere facer e fai o goberno local, como é o caso dalgúns consellos parroquiais e comisións de seguimento. Nin queren participación nin queren que as asociacións participen informadas, negándolles a necesaria e obrigatoria información previa. Lembremos que esta forma de actuar provocou que un importante actor da participación cidadá como é a Federación de Asociacións de Veciños deixara de participar nestas xuntanzas.
Consecuentemente, AER non vai participar en ningunha reunión sobre a cementeira onde non se lle permita acudir a unha parte tan importante neste proceso como é a familia Crespo. Lamentamos a pouca valentía e obscurantismo do alcalde e dos seus servizos xurídicos que non aceptan esta reunión conxunta. Demostran outra vez un nulo interese en buscar unha solución que remate coa actividade ilegal desta empresa.
Aproveitamos esta nota para facer un chamamento a toda a cidadanía e movemento asociativo de Redondela para que participe no MAGOSTO REIVINDICATIVO “Castañazo á cementeira” que se fará o venres 25 a partir das 18:00h na pista de acceso á cementeira e á casa da familia Crespo, en Vilar de Infesta e fronte ao colexio de Porto-Cabeiro.
Como parte involucrada, daremos nuestra opinión en la siguiente entrada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario